Historia
Unha celebración histórica
Non se pode entender a festa das Pepitas sen coñecer a historia de Ferrol: unha cidade creada artificialmente pola Coroa, que converteu un pobo de duascentas familias dedicado á pesca e a salgadura nunha urbe con máis de 40.000 persoas procedentes de toda España a finais do século XVIII. Nalgún momento do século XIX, a poboación ferrolá estaba formada por un 84% de homes e só un 16% de mulleres.
Eles gozaban de asueto os domingos e o día de San Xosé, patrón dos carpinteiros e, por extensión, dos obreiros navais, porque os barcos facíanse de madeira. Unha poboación peculiar que atopou na música e o canto unha confluencia de intereses á marxe das súas culturas de orixe, pois a música é unha linguaxe universal.
Esa é unha das razóns do acordo social e, en consecuencia, do nacemento da Festa das Pepitas en tascas, tabernas e barbarías.
A festa
Unha festa antiga e pioneira
A Noite das Pepitas é unha festa popular que se celebra no serán do 18 de marzo, véspera da festividade de San Xosé. Nela, as rondallas (agrupacións músico-vocais de instrumentos de corda, uniformadas ao estilo das tunas) percorren as rúas da cidade para cantarlle á muller ferrolá.
É unha festa orixinal, pois non existe outra semellante en todo o mundo.
É esta unha celebración festiva moi antiga, con orixe nos tempos do Romanticismo. Por iso as rondallas interpretan e cantan danzas, valses e pasarrúas, representando os ritmos máis actuais do seu tempo e volvendo revivir aqueles momentos.
Cada ano a festa actualízase con novas cancións, que poetas e músicos escriben para manter viva a tradición.
A festa ten máis de 180 anos de antigüidade ao longo dos séculos XIX, XX e XXI. Hai constancia histórica da chegada das dúas primeiras cancións cubanas á nosa cidade nos barcos que ían e viñan de América desde 1840 (Dolores, dame café e Te quiero mucho) e de rondallas uniformadas desde 1886. Por iso é tamén unha festa pioneira da influencia da música caribeña (as habaneiras) no noso país, cincuenta anos antes de que se popularizasen no sur de España.
Rondallas
As rondallas
Nun principio a festa organizábase con agrupacións musicais temporais, que se constituían para o momento e despois desaparecían; pero desde os anos sesenta do século pasado fóronse conformando rondallas permanentes, que actúan durante todo o ano ampliando o seu repertorio e reservan a canción ferrolá das Pepitas para as datas da celebración.
Na actualidade existen en Ferrol sete rondallas. Por orde de antigüidade: Añoranzas (1983), CMI-Club de Campo (1986), Bohemios (1988), Sonidos del Alba (1997), Só Elas (rondalla feminina, 2019), O Son do Mar (2023) e Nas Ondas do Mar (2024).
Hai outras agrupacións da comarca que participan na festa acudindo cada ano á nosa cidade, como Trovadores de Ares, Rondalla Mugardesa, Luceiro do Alba, de Neda; Rondalla de Cariño ou Rondalla de Cedeira. E outras de ferroláns residentes en Madrid, como foron Barlovento ou Virgen de Chamorro.
Madriñas
As nosas madriñas en 2026

Emma Fernández San Silvestre
Rondalla AÑORANZAS
Isabel Campo Fernández
Rondalla CLUB DE CAMPO
Celi Gabiola Hermida
Agrupación Artística Ferrolana BOHEMIOS
Toñi San Martín García
Rondalla SONIDOS DEL ALBA
José Eugenio Fernández Lago
Rondalla SÓ ELAS
Germán Fernández Lorenzo
Rondalla O SON DO MAR
Ana Varela Rosas
Rondalla NAS ONDAS DO MAR
Inés Domínguez Puentes
Agrupación Artística LUCERO DEL ALBA
María del Pilar Pazos Varela
Rondalla MUGARDESA
Nini Ferreiro Montenegro
Rondalla TROVADORES DE ARES
María José Fraguela López
Rondalla de CARIÑO
María Magdalena Boboia
Rondalla de CEDEIRAGalería
A festa en fotos
Homenaxeados e rondallistas de honra
Homenaxeados en 2026

Rondalla Añoranzas
Homenaxe histórica
Rondalla Bohemios
Homenaxe histórica
